09/07/2026
𝐀 𝐄𝐃 𝐁𝐮𝐫𝐞𝐥𝐚 𝐅𝐒 𝐞𝐬𝐭𝐫𝐞𝐚𝐫𝐚́ 𝐚 𝐭𝐞𝐦𝐩𝐚𝐝𝐚 𝟐𝟎𝟐𝟔-𝟐𝟕 𝐜𝐨 𝐧𝐨𝐦𝐞 𝐝𝐞 𝐈𝐦𝐝𝐞𝐜𝐮𝐦
A Escola Deportiva do Reyco Burela FS pasará a denominarse Escola Imdecum Burela FS na vindeira tempada 2026-27. Así o confirmaron o presidente laranxa, José Luis Sáez Castro, e o presidente da Fundación Imdecum, Marcelino Luna Almarza, durante a formalización do convenio de patrocinio entre ambas as entidades mariñás.
🤝 Este acordo encádrase nunha liña de traballo conxunto orientada ao fomento da práctica deportiva entre a infancia e a xuventude, reforzando o compromiso compartido coa formación e os valores do deporte base.
🗣️ Marcelino Luna Almarza puxo en valor “a profesionalidade coa que traballa a Escola Deportiva do Burela FS”, destacando ao club burelao “como unha referencia no fútbol sala, tanto pola súa estrutura como pola súa historia”, argumentos que, segundo explicou, avalan a aposta da Fundación por este proxecto.
🗣️ Pola súa banda, José Luis Sáez Castro agradeceu o soporte da Fundación Imdecum, salientando que “este apoio será fundamental para consolidar o traballo do club nunha etapa delicada”. O presidente laranxa tamén subliñou que “a colaboración entre entidades que comparten obxectivos sempre redunda no beneficio colectivo, especialmente cando se trata de ofrecer máis e mellores oportunidades aos nenos e nenas da nosa contorna”.
🥰 Deste xeito, Reyco Burela FS e Fundación Imdecum estreitarán uns lazos que xa comezaron a fortalecerse en colaboracións como o Memorial Heroes do Orzán Rodrigo Maseda Lozano, que, con trece edicións ás súas costas, continúa representando un dos mellores escaparates turísticos e deportivos da Mariña no inicio do verán.
Na edición de 2026, celebrada entre o 25 e o 29 de xuño, o torneo reuniu en Burela, Foz, Cervo, Xove e Viveiro a preto de 1.200 xogadores e xogadoras de base, contando ademais con aloxamento para 600 deportistas, consolidándose como unha das grandes citas do deporte formativo en Galicia.
🧐 𝐍𝐨𝐯𝐚𝐬 𝐚𝐥𝐭𝐚𝐬 𝟐𝟎𝟐𝟔-𝟐𝟕
Dende hoxe e ata o xoves 23 de xullo está aberto o prazo para as novas inscricións. Na primeira semana de matrícula a escola xa recibiu 100 renovacións.
A formalización realizarase por orde de chegada e ata completar o límite de prazas.
🔗 Información de inscrición: https://burelafs.org/gl/o-club/inscricion-base/
👧🧒 Esta matrícula abrangue dende a categoría Biberón (nados/as en 2021, con posibilidade para 2022 de quedaren prazas libres) ata Xuvenil (nados/as en 2008-09-10).
En 2025-26, a escola contou con 190 xogadores/as distribuídos/as en 17 equipos.